Inicio
 

“O Cuatripartito xa está desacreditado como goberno local”

• Sinala que “as pelexas internas, as desconfianzas e os dardos envelenados entre eles dan agora paso a unha caótica situación económica”. • Pide á alcaldesa que tome medidas e cese a Xurxo Charlín. • “Todos pensabamos que non facían nada e que, polo tanto, non gastaban, pero resulta que efectivamente non fan nada e por riba están gastando máis do que teñen”, engade. Para o voceiro do Partido Popular de Cambados, Luis Aragunde, “o Cuatripartito está xa desacreditado como goberno local, e cada día que pasa non fai máis que empeorar esta situación”. Así, sinala que “as pelexas internas, as desconfianzas e os dardos envelenados entre eles dan agora paso a unha caótica situación económica”. Para Aragunde esas pelexas internas, que xa non só a porta pechada, algo que era un segredo a voces desde hai tempo, senón tamén publicamente e con ameazas a través dos medios de comunicación, van demostrando o que o PP vén advertindo desde hai tempo, a falta de xestión, de proxecto e de investimento. “Ademais da caótica situación política, agora tamén temos a caótica situación económica. Son eles mesmos quen nos confirman que non hai control do gasto, que se exceden nas partidas orzamentarias con facturas que quedarán sen pagar durante meses”, critica o popular en referencia ás declaracións nas que o propio Xurxo Charlín recoñece que gastaron moito máis do que tiñan orzamentado. “Todos pensabamos que non facían nada e que, polo tanto, non gastaban, pero resulta que efectivamente non fan nada e por riba están gastando máis do que teñen”, engade. O popular critica que “a política económica en Cambados é un desastre”, e pon como exemplos que o orzamento de 2017 se aprobe no mes de outubro, o abuso que fan nos plenos dos recoñecementos extraxudiciais de crédito ou que a Concellería de Facenda perda subvencións por non pagar en prazo. “E agora recoñecen que case un millón de euros quedará pendente de pago para o próximo ano”, lamenta.   Para o PP os responsables desta situación e mala xestión económica son Xurxo Charlín, como concelleiro delegado, pero tamén a alcaldesa, como máxima responsable do concello. Por iso, Luis Aragunde esixe unha explicación de todo isto á alcaldesa, “porque como sempre segue agachada ante os problemas, sen resolver absolutamente nada”. O voceiro dos populares entende que debe tomar, de unha vez por todas unha decisión, que pasa por cesar a unha persoa que está prexudicando a xestión do Concello. Recordan desde o PP que non é a primeira vez que piden o seu cese. “Xa lle pedimos a dimisión pola lamentable e bochornosa actuación que tivo con unha veciña de Cambados, increpándoa nunha mesa electoral”. Entenden que debería ser el o que presentase directamente a súa renuncia por coherencia, “por ser a persoa que orixina todos os conflitos no concello, pero sobre todo pola súa caótica xestión económica”.